*
A Asociación
Noticias
» 24-02-2016:
 Actualidade
» 15-01-2016:
 Contaminación do Río Barbaña os días de mercadiño
» 24-12-2015:
 Bon Nadal
Listar todas
Avda. de Portugal Nº 63
Teléfono: 606 659 671
avvparquebarbanha@hotmail.com
» REPASO HISTÓRICO DA A.VV. “PARQUE BARBAÑA”

Limiar
    Isto non pretende ser nada máis que un apuntamento da nosa breve historia asociativa dende os primeiros pasos cando se creou a Coordinadora de Veciños en defensa do Parque Barbaña no ano 2000 ate hoxe.
   

Pretendemos que aqueles que non nos coñecen se fagan unha composición de lugar da nosa asociación  e aquelas persoas que teñen vivido connosco estes anos dun xeito máis próximo ou mesmo implicándose directamente lles servira de lembranza e de seguro que lles removerá a memoria dos moitos acontecementos vividos e ao reflexionar sobre eles cada quen poderá facer a súa persoal valoración dos feitos. De todos os xeitos estamos abertos as suxestións e achegas para mellorar e modificar, no que faga falla, este relatorio pois para nós é moi importante non esquecer o noso pasado para traballar no presente e poder mellorar no futuro.


ANO 2000    (Inicio da loita por unha zona verde íntegra)
-Corría o mes de Novembro cando un grupo de veciños e veciñas teñen noticia do proxecto de modificación do Parque Barbaña para transformar os 5000 metros cadrados que quedaban por urbanizar nunha praza de cemento por un convenio de colaboración entre a Consellería de Ordenación do Territorio (Sr. Cuiña) e o Concello de Ourense (Sr. Cabezas).
-Este proxecto que modificaba radicalmente a inicial composición do parque levaba a desaparición dunha importante zona verde para reconvertela nunha praza cementada con intencións claras de destinala a lugar de “feiras, festas e mercados”. 
 
-A indignación dos veciños e veciñas foi algo inmediato e provocou a convocatoria de varias xuntanzas para tentar deter aquel engano e aberración urbanística que levaba perder un gran espazo verde, no centro dunha cidade onde apenas existe, e variar substancialmente as condicións da zona onde se mercaran as vivendas.

- 
 

A finais de novembro e principios de decembro as reunións e asembleas foron diarias e a actividade moi abundante: xuntanzas con representantes políticos, institucionais , sociais da vida ourensá no camiño de presionar e tentar paralizar esa obra. Asemade non se descoidou a presión na rúa e as concentracións diante das obras, as manifestacións e outro tipo de actos foron unha constante ó longo daquelas semanas. O lema de todos os actos foi "verde si, cemento non". 

  

 -En Decembro tívose unha entrevista co Sr. Alcalde onde quedou patente a súa falla de vontade de negociación e de diálogo. Non estaban dispostos a darlle a razón ós veciños polo mero feito de non sentar un precedente ou que se vise debilidade política por parte do concello.
-O 12 de decembro na prensa saen unhas declaracións do Sr. Cabezas onde manifesta que “namentras el sexa alcalde non se van colocar no parque Barbaña nen barracas das festas nin outro tipo de atraccións feirais”
-O 13 de decembro nos locais do Ateneo de Ourense convocamos un xunta con todos os partidos, sindicatos e asociacións sociais e de veciños para explicar a problemática do parque e sumar forzas. Á convocatoria asistiron todos os partidos agás o PP e forzas sindicais, sendo notoria a ausencia da Federación Veciñal “Limiar”.
-O sabado 17 un grupo de veciños entra na zona que escomenzaban a achairar e fan unha plantación simbólica de varias árbores arredor da maquinaria alí presente.
-O 19 de decembro un grupo de veciños solicita unha nova entrevista co alcalde para facerlle como agasallo un “saco de cemento”. Non acode á entrevista e manda o Sr. Tenente Alcalde (Jose Luis Rodríguez) a recibir a comisión co agasallo. Os veciños deciden non moverse do concello namentras non se presente o Sr. Alcalde e prodúcese un pequeno incidente polo que os veciños son expulsados pola Policía Local do Concello. O día seguinte o Sr, Alcalde culpa ós concelleiros da oposición deste incidente e manda colocar un policia local na porta do seu despacho.
-O 20 de decembro, vésperas do Nadal, celébrase unha manifestación na cidade dende o Parque Barbaña ó Parque de San Lázaro apoiada por diferentes colectivos que naquel momento tiñan problemáticas diferentes pero semellantes no fondo: a Plataforma pola defensa do Parque de San Lázaro e os Afectados pola Empacadora de Lixo de San Cibrao.
-As fiestras e balcóns do noso barrio enchéronse de verde. Foron centos os lazos verdes que decoraron as nosas fachadas deixando ben as claras o sentir inmensamente maioritario da veciñanza en contra da praza de cemento.
-Os lazos verdes non estiveron somentes presentes nas fachadas, o valado que protexia as obras foi tamén decorado con centos deses lazos.

ANO 2001(Continuación da loita e constitución da asociación de veciños)
- Á volta do Nadal as negociacións co Concello fixéronse imposibles e o proxecto ía para adiante a pesar de todas as protestas e negociacións.
-A veciñanza seguía coas súas mobilizacións .Todos os luns do mes de xaneiro seguíronse concentrando os veciños e veciñas cun esforzo e entusiasmo impresionante a pesar da imposibilidade de diálogo co Concello e coa súa teimosía en facer as obras.
-O día 3 de febreiro a prensa local recolle a protesta, con pancarta incluída, diante do Concello para protestar ante o pleno que se celebraba aquel día e no que o BNG e o PSOE presentaban mocións instándoo a dialogar co vecindario.
-O 4 de febreiro o Sr. Cabezas fai unhas declaracións nas que manifesta que a praza de cemento vai ser un espazo onde se van ubicar diferentes canchas deportivas para uso e goce dos nenos e nenas ó mesmo tempo que se porán diferentes xardineiras con plantas ornamentais.
-O 10 de febreiro a Coordinadora contra a reforma do Parque Barbaña decide converterse en Asociación de Veciños.
-O 13 de febreiro o vecindario maniféstase de novo e considera as propostas da alcaldía como unha tentativa de frear as súas peticións e unha maneira de acochar as verdadeiras intencións do concello que son as de destinar esa praza ás barracas das festas e o mercado ambulante da feira.
-O 20 de febreiro, e van tres meses de constante mobilización, o vecindario concéntrase de novo no parque. O frío deses días é compensando pola solidariedade entre os veciños e acompañado dun estupendo chocolate con magdalenas que foi compartido por todos os alí concentrados.
 

-O Entroido deste ano foi a data escollida pola Coordinadora para rematar as protestas veciñais e para tal fin fixemos unha manifestación-enterro do parque. O acto fixose o xoves día 1 de marzo as 20 horas, o día non acompañou e a chuvia e o frío non conseguiron deslucir a nosa marcha. Preto de 500 veciños e veciñas fixeron o percorrido polas rúas de Ourense dende o Parque Barbaña, Dr. Fleming, Xoan XXIII, Paseo e Praza Maior portando un cadaleito (representación da morte dunha zona verde) e que foi entregado nas portas da Casa Consistorial. Alí leuse un manifesto onde se mantiñan todas e cada unha das nosas reinvindicacións e agradeciamos a solidariedade manifestada por centos de ourensáns e diferentes asociacións políticas e sociais e despois de máis de tres meses de loita por un parque mellor e un Ourense máis habitable e ante a imposibilidade de modificar os proxectos do Concello dabamos por pechada esta étapa e encetabamos unha nova andaina para constituírnos en Asociación e impulsar a defensa e mellora do noso barrio dende unha entidade que agrupase e acollese a todos e todas os veciños da zona.
 

-O 19 de abril despois de superar diferentes trámites burocráticos e ter legalizados os estatutos as 19.30 horas faise a asemblea constituínte da Asociación de Veciños que ante a falla de locais propios ten lugar no baixo que na actualidade ocupa o supermercado do barrio e que naquel momento nos cedeu amablemente a promotora da urbanización quedando constituía a primeira directiva (presidida por Rocio Díaz Otero) que como medida máis inmediata decide iniciar as xestións para ter unha sede social propia e escomenzar a realizar as primeiras actividades.
-O 10 de maio o Concello na súa política de acalar as nosas críticas e tentar amosar o vecindario as “grandes posibilidades” da praza de cemento, inaugura en colaboración coa “Caixa” un exposición sobre a Ciencia instalando unha carpa na dita praza.
 

  En xuño a directiva da asociación concentrase diante da pasarela peonil que une o Parque coa Alameda para esixirlle a mellora e modificación do seu pavimento que estaba totalmente deteriorado e dera lugar a diversos accidentes así como unha deficiente iluminación. Previamente e durante varias semanas se lle remitiran diferentes escritos ó Concello solicitando esta mellora e o silencio sempre fora a resposta.
  


-O Concello resposta nos medios de comunicación dicindo que ten xa contratado e adxudicada a obra de reforma da Pasarela por tres millóns de pesetas e as poucas semanas escomenzaron as obras.
-En Xuño tamén  organizamos as primeiras actividades como asociación: un taller de elaboración de bebidas saudables para nenos e nenas para o cal cedeunos o seu local o Colexio Provincial de Árbitros de Futbol ; unha xornada de Xogos Cooperativos para nenos e nenas impartidos polos monitores do Ciclo Superior de Educación Física do IES das Lagoas no parque e un festival de contacontos .
-Durante o mes de agosto, con nocturnidade, vacacións de verán e aleivosía a Corporación Municipal atrevese a facer unha inauguración da “Praza de Cemento”

 

 O 21 de outubro a asociación en colaboración co Centro de Saúde Nóvoa Santos oferta a vacinación antigripal á veciñanza, unha vez mais usando o local do colexio de arbitros.

O 24 de novembro o Parque Barbaña era o lugar escollido para a celebración do noso primeiro Magosto. gaiteiros, castañas, chourizos, viño, bica, chocolate e queimada animaron o festexo.

  


ANO 2002  (Temos local social)
-Comezamos o ano renovando esforzos e negociacións para conseguir un local social. O camiño comezaba a se despexar.
-En maio a Xunta Directiva presentaba tres alegacións ó PXOM que naqueles momentos se abría a exposición pública por parte do Concello.
-O 23 de xuño, por primeira vez organizamos a noite de San Xoán. A festa foi fermosa e moi participativa. A nosa “cacharela” foi das poucas que brillou e foi brincada nesa noite en Ourense, onde a tradición desta festa é escasa.

 -O 26 de xuño foi un día moi importante na nosa vida asociativa. Por fin tiñamos un local social. A inauguración correu a cargo do Sr. Alcalde. Agradecimos fondamente este xesto por parte da alcaldía pois a pesar das nosas diferenzas foron quen de ser dilixentes e dotarnos nun prazo razonable dun local que non podemos menos que considerar como “un gran local social”.
 Artistas do barrio como Meborat, El Chileno, Rielo contribuiron donando obras tamén a que o noso local sexa "un gran local social"
 Columna pintada pola pintora Ourensana Meborat

 


-O 27 de xuño o grupo de malabares de “Pepinillo e compañia” fixo as delicias dos máis cativos.
 
 

-Setembro marcaba o fin da parentese do verán e as primeiras actividades no local eran anunciadas ( ximnasia, baile de salón, manualidades, Qui-Gong, etc) sendo moi numerosas as inscricións .
-Durante todo este ano os escritos ao Concello e outras entidades denunciando o abandono do Parque, a falla de control e vixilancia do tráfico, o mal estado de moitas rúas, a acumulación de lixo, a pouca limpeza de moitos soares foi unha constante que en moitos casos non recibiu resposta e noutros a contestación foi  puntual e de novo voltáronse a esquecer da situación.

 Este ano fixemos un concurso de carteis entre os nenos e nenas  da zona para o anuncio, tendo  moi pouca participación e o día do Magosto foron entregados os tres premios ós ganadores servindo os 3 como base do cartel para anunciar esta festa

 

O 23 de novembro era a data elixida este ano para a celebración do noso Magosto.

 

-O 10 de decembro do 2002 a nosa asociación non podia quedar á marxe da traxedia que significou a marea negra do Prestige nas nosas costas e nun comunicado de prensa manifestamos a nosa solidariedade e denuncia desta traxedia ofertando tamén a nosa colaboración para os afectados. Outra vez moitos balcóns do noso barrio  se encheron de peticións neste caso con bandeiras " Nunca mais"


 ANO 2003(Nova Xunta Directiva)
-O 4 de xaneiro, Melchor, Gaspar e Baltasar visitaban o noso local social e tanto nenos como maiores gozaron e compartimos uns momentos de ledicia e diversión.
-No mes de abril montamos un grupo de sendeirismo que realiza dúas marchas unha delas polo chamado “perimetral de Ourense” e outra por terras do Concello de Leiro. A cousa non foi moi exitosa e foi unha das poucas actividades que non conseguimos darlle continuidade.
- En Abril convócase o proceso electoral para elixir unha nova xunta directiva por un período de dous anos. A única candidatura encabezada por Rocio Díaz Otero foi elíxida para este novo mandato. O programa electoral insistía na loita pola mellora e defensa do noso entorno e sobre todo nos coidados da nosa zona verde e na mellora e recuperación do río Barbaña.
-En xuño teñen lugar as eleccións municipais, que volve a gañar a candidatura do Sr. Cabezas (PP) e o noso local social serve de lugar para que as diferentes candidaturas presenten e informen os veciños e veciñas das súas propostas.
-O 23 de xuño, a noite de San Xoan, a nosa fogata e a festa que rematou coa chocolatada serviu de encontro e animación para máis de 200 veciños e veciñas do barrio.
-No mes de outubro novos cursos de Pandeireta e Canto, Gaita, Animación a Lectura e outros encetaban a súa andaina.
-O 6 de novembro en colaboración coa asociación AFAOR de atención ó enfermo de Alzheimer fixemos unha charla-divulgativa sobre esta problemática.

  O 15 de novembro celebramos a festa do Magosto. O tempo non acompañou e tivemos que facelo ó acollido o cal desluciu o festexo pero non lle restou ánimo, ledicia e participación. As castañas, os chourizos, a bica e chocolate así como o viño e a queimada fixeron unha boa contribución a levantar os ánimos . De novo o concurso de carteis entre os nenos , este ano si houbo moita participación , mais de 60 carteis das Escolas da zona .
  


-No mes de decembro entre outros escritos solicitamos do Concello a reparación do firme da calzada da Avda. de Portugal.


 

ANO 2004(A pasarela, o intercambiador de autobuses)
-O 26 de maio remitimos unha petición ó Concello solicitando unha liña de Autobuses para a Avda de Portugal.
-O 26 de xuño a asociación participa nas comisións de traballo da Axenda21  organizada polo Concello e o Eixo Atlántico para conseguir un desenvolvemento sustentabel.
-No mes de setembro remitimos de novo ó Concello un escrito con diferentes propostas e suxestións sobre: tráfico, limpeza, botellón, pista de cemento, pasarela, iluminación, autobuses; recollida de augas de vertentes e sumidoiros, situación da pista polideportiva, coidados e mantenemento da zona de xogos infantís do parque, etc.

  
 En novembro convocamos de novo á veciñanza a unha concentración diante da pasarela pois a reforma feita fai 3 anos está totalmente deteriorada e precisa dun novo solado que o Concello parece ignorar a pesar dos diferentes escritos remitidos e dos problemas que se lle están causando ós viandantes. A iluminación que non foi reformada naquela ocasión segue sendo a materia pendente.

 -En outubro iníciase o novo curso de actividades, 19 cursos completan a oferta deste ano. Ademais dos de anos anteriores introdúcense os de xadrez para nenos e nenas, corte e confección, adornos de  Nadal e beléns, teatro. electricidade básica para o fogar e iniciación e perfeccionamento do Galego. E por suposto o noso Magosto , outra vez moita participación e un precioso cartel anunciador.

 


-O 20 de decembro informados do convenio do Concello coa Consellería de Ordenación do Territorio (Sr. Nuñez e Sr. Elier Ojea) sobre a instalación dun intercambiador de autobuses nas traseiras da Alameda remitimos unha nota de prensa ós medios para denunciar esta obra. Previamente fixemos unha Asemblea Veciñal que de  maneira masiva manifestou o seu desacordo con este proxecto que ben a colapsar o tráfico e a provocar maior deterioro nunha zona xa de por si masificada e ó carón do casco histórico de Ourense e das Fontes termais das Burgas.
-Os grupos políticos da oposición no Concello manifestan o seu apoio e o rexeitamento a instalación dese intercambiador nesa zona.
-Seguimos esperando pola reparación e novo asfaltado da Avda de Portugal.


 ANO 2005 Intercambiador, barracas no parque, terceiro día de feira e nova Xunta Directiva)

-Este ano comeza con novas ameazas para o noso barrio, o Concelleiro de Cultura (Sr. Araújo) comeza, por medio de intermediarios (lease Federación de Veciños Limiar) a considerar que o Parque Barbaña é o “mellor dos mundos” para ubicar as barracas e atraccións feirais das festas de Ourense.
-O 22 de febreiro ante a situación provocada polas obras realizadas para facer un hotel/balneario na zona das Burgas froito das cales provocou a seca e descenso do caudal das fontes das Burgas fixemos un comunicado de prensa denunciando este atentado ao noso monumento máis significativo e pedindo que non se autorizase ningunha obra que o puxese en risco.
-No mes de marzo o Concello (Sr. Gomez Vilar) xunto coa Directiva da Asociación de comerciantes da Praza de Abastos propón engadir un día máis de mercado ambulante ós celebrados os días 7 e 17 nos paseos á beira do río. Esta asociación que no seu momento rexeitara a ubicación deste mercado ambulante nesa zona do Parque fixo público un comunicado no que rexeitaba esta ampliación pois as garantías dadas sobre limpeza, molestias para os veciños, problemas de tráfico que  manifestaran que non ían ocurrer cando se trasladou para esa zona foron claramente incumpridas e non podiamos fiarnos dos promesas dalguén que non foi quen de cumprir a súa palabra ademais de seguir considerando que este tipo de acontecementos non se podían celebrar neste lugar pois non reunía as condicións axeitadas.
-O 10  de marzo o debate da televisión local “Punto Crítico” de Telemiño centrase nos problemas do Parque Barbaña (barracas, terceiro día de feira, intercambiador de autobuses, deteriorio do río Barbaña) unha persoa da Xunta Directiva participa no debate. Un representante da Federación Limiar xunto cos Concelleiros Sr. Nóvoa e Sr. Araújo en defensa das propostas do Concello e o Sr. José García Calvo, Sr. Troitiño e o representante desta Asociación na parte crítica.
-O 5 de abril no Salón de Actos do Centro Cultural da Deputación ten lugar unha mesa de debate organizada pola nosa asociación baixo o lema “ A mellora do noso entorno é unha mellora para a cidade” que coa participación do Sr. Fariña (director do museo arqueolóxico), Xan González (arquitecto) e de do defensor da natureza Secundino Lorenzo fíxose unha interesante información e propostas para a mellora desta cidade e sobre todo para a zona da Burga, Praza de Abastos, río Barbaña e Parque Barbaña, un salón de actos cheo foi indicativo do interese da veciñanza por estes temas.

 -0 11 de abril esta asociación fai entrega no rexistro do Concello dun escrito apoiado por máis de 1200 sinaturas contra o terceiro día de feira e contra o intercambiador de autobuses na Alameda. 
  

-En Maio celebramos unha Asemblea Extraordinaria sobre a instalación das Barracas das festas no parque.
-O días seguintes dese mes os balcóns e as fiestras do barrio énchense de carteis que con fondo verde poñían : “Sr. Cabezas cumpra a súa palabra” e “Festas si, barracas non”.
-Algúns propietarios de atraccións feirais manifestan a súa preocupación por ter que instalarse nunha zona na que non son ben recibidos pero por parte desta Xunta Directiva se lles manifesta que as nosas discrepancias non son con eles que nós, somentes temos o problema con aqueles que “autorizan” e “permiten” as instalacións nesta zona.
-O 1 de xuño ás 20 horas Asemblea Extraordinaria para elección da nova Xunta Directiva despois de cumprirse os dous anos de mandato da anterior. A única candidatura, encabezada por Rocío Díaz Otero queda proclamada como vencedora. O programa electoral incluía, entre outros : remodelación e acondicionamento da Praza de Cemento, regulación do tráfico, arranxo da pasarela, autobus para Avda de Portugal, mellora na conservación do parque e do río Barbaña.
-Mes de xuño pesar de tódalas protestas e das presións exercidas, a pesar de ter prometido non instalar as barracas das festas no Parque o Sr. Alcalde e o concelleiro o Sr. Araújo faltando os seus compromisos e palabras dadas e tentando pór a opinión pública en contra nosa e coa solidariedade da Federación de Veciños Limiar toman a decisión de empregar o Parque para unha actividade que quedou ben as claras que foi un fracaso e o único que fixo foi deteriorar ese entorno. ¿Cando asumiran estes responsables municipais que aquí ninguén quere boicotear as festas?, ¿cando se darán conta de que a súa neglixencia na xestión, non prevendo zonas axeitadas para estes eventos son o verdadeiro boicot  e os verdadeiros creadores de malestar e cabreo no vecindario?.

-O 19 de xuño celébranse as eleccións autonómicas, polo noso local foron pasando as diferentes forzas políticas para explicar os seus programas. O goberno do Sr. Fraga (PP) perde a maioría absoluta.

-O 23 de xuño despois de Barracas e eleccións facemos a festa de San Xoán. A veciñanza a pesar dos “desgustos”  a que nos ten sometido este Concello celebramos esta festa con moito ánimo e optimismo . A nosa fogata voltou a brillar na noite Ourensán dándonos ánimos para seguir a pelexar por un parque e un río dignos para a nosa cidade.
-O 25 de xuño o Concello en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega inaugura a “Fervenza dos Poetas” no Parque e réndeselle unha homenaxe as escritoras Pura e Dora Vázquez (que teñen adicada unha rúa no noso barrio). Estes son os actos que dignifican o parque, que o humanizan e cos que nos sentimos solidarios sendo para nós un orgullo contar no noso espazo urbano coa presenza permanente destas dúas grandes poetisas ourensás.
- O 28 de Xuño o recien creado grupo de teatro Barbañá representa a obra  “Pista ou peste” no lócal  como resultado final do curso de teatro que se impartiu desde Xaneiro. Tivo moito exito pero pouca continuidade.
-Mes de agosto comezan as obras do intercambiador de autobuses. As diferentes alegacións desta asociación, as mocións dos grupos políticos da oposición no Concello e na Xunta, os desacordos doutras entidades sociais de Ourense de importancia non se teñen en conta e parece que a opinión da Directiva de Comerciantes da Praza de Abastos é definitiva para que se lle dea o visto e prace ao proxecto a pesar de que as evidencias amosan que este tema non vai servir para favorecer os comerciantes da praza e soamente servirá para os “negocio dalgúns” e para prexuízo de toda a cidade.
-Setembro, segundo pleno municipal serve para aprobar o terceiro día de feira no parque Barbaña, novamente a incompetencia no planeamento urbanístico desta cidade provoca que sexan as zonas menos axeitadas para estes temas as que teñan que sufrir as consecuencias deses erros.
-Neste mes tamén adxudícalle o concello a empresa Aguagest os traballos para o bombeo de auga que permita manter o río Barbaña un caudal suficiente durante todo o ano e así poder recuperar o tramo de río que pasa pola cidade. Celebramos esta decisión e esperamos que os concellos limitrofes que verten ó rio tomen nota e contribúan tamén a súa rexeneración.
-En setembro sae de novo o noso boletín para informar os socios e socias das novas actividades para este curso.

 


 © Asociación de veciños parque barbaña.  Subvencionado pola: