_____________________ ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN VECIÑAL BARBAÑA CAPITULO PRIMEIRO “Da constitución, obxecto, natureza, ámbito e duración” ARTIGO 1º.- Coa denominación de “ASOCIACIÓN VECIÑAL BARBAÑA” constitúese na cidade de Ourense unha asociación veciñal que se rexerá pola Lei orgánica 1/2002 do 22 de marzo reguladora do Dereito de Asociación e polos presentes estatutos. ARTIGO 2º.- DOS FINS DA ASOCIACIÓN: a) Atender e defender os intereses xerais dos veciños e veciñas en asuntos de tipo cívico, urbanístico, científico-cultural, deportivo, educativo, sanitario e medioambiental, atendendo ao interese xeral da cidade. b) Fomentar o asociacionismo entre os veciños/as como instrumento de participación cidadá. c) Esixir e vixiar das administracións públicas, que no seu ámbito de competencias, desenrolen normativas, regulamentos e prácticas que fomenten a promoción e a profundización en valores democráticos, a transparencia na xestión pública e a participación dos cidadans. d) Colaborar coas institucións en actividades que axuden a integración social, económica e laboral das clases mais desfavorecidas. e) Potenciar a comunicación multidireccional entre cidadáns e administracións. ARTIGO 3º.- PARA O CUMPRIMENTO DOS SEUS FINS Para o desenvolvemento e execución de todos estes fins, a asociación desenvolverá a) Actividades formativas: cursos, conferencias, concursos, etc. b) Actividades culturais: participación en festas tradicionais, actividades culturais da cidade,.. c) Actividades de colaboración coas administracións en campañas de interese xeral d) Participación en actividades que conleven unha mellora medioambiental. e) Presentación de iniciativas cidadáns que promovan unha mellora xeral da cidade. f) Actividades que contribuan a adquisición de hábitos saudables para un aumento da calidade de vida: cursos, conferencias, campañas... g) Actividades de tipo lúdico e recreativo: competicións, deportes,.... ARTIGO 4º.- ÁMBITO O ámbito de actuación será o Concello de Ourense, de xeito principal a zona de influenza que corresponde as rúas comprendidas no Parque Barbaña e o seu entorno. ARTIGO 5º.- DA DURACIÓN A duración da asociación será ilimitada ARTIGO 6º.- DO DOMICILIO A Asociación terá establecido o seu domicilio social na rúa: Traseira da Avda de Portugal núm. 63, 32002 Ourense. CAPITULO SEGUNDO “DOS SOCIOS, DEREITOS E DEBERES” ARTIGO 7º.- A asociación de veciños está constituída polos socios/as. Quen aspire a ingresar como socio/a deberá cumprir os requisitos e tramites seguintes: a) Estar en posesión dos seus dereitos civís. b) Formalizar a solicitude de ingreso ante a Xunta Directiva. ARTIGO 8º.- O número de socios/as non terá limitación ningunha. Os menores de 18 anos serán socios/as pasivos, sen dereito a voto aínda que con voz, non podendo desempeñar cargo ningún na Xunta Directiva. Non será excluínte para formar parte da asociación o sexo, estado civil, convicións políticas ou relixiosas ou calquera outra discriminación. Ningún asociado/a e directivo/a poderá empregar a asociación para finalidades estritamente de carácter partidista. Tódolos socios/as teñen os mesmos dereitos e obrigas. ARTIGO 9º.-DOS DEREITOS DOS SOCIOS/AS Serán dereitos dos socios/as de número os seguintes: a) Asistir e participar con voz e voto nas asembleas xerais b) Estar informado da marcha da asociación e das súas actividades. c) Ser elector e elixible para a formación da Xunta Directiva de conformidade co articulado nestes estatutos. d) Usar os servizos desta asociación de veciños. e) Ser apoiados por esta asociación nos seus dereitos legais como tales membros. f) Posuír un exemplar destes estatutos e ter coñecemento dos acordos adoptados polos órganos directivos. g) Que se poña de manifesto o estado de contas dos ingresos e gastos da asociación todos os anos, para isto a Xunta Directiva entregará por escrito un resumo do balance económico na convocatoria da asemblea anual. ARTIGO 10º.-DOS DEBERES DOS SOCIOS/AS. Serán obrigas dos socios/as as seguintes: a) Cumprir a normativa dos presentes estatutos e as que sexan establecidas como normas pola Asemblea Xeral ou pola Xunta Directiva con carácter xeral para todos os/as asociados/as. b) Contribuír o sostemento da asociación coa cota que estipule a Asemblea Xeral. c) Apoiar os intereses da Asociación e defender os acordos da Asemblea Xeral. d) Ningún asociado poderá facer declaracións ou representar a asociación se non ten para elo aprobación da Xunta Directiva. ARTIGO 11º-DA BAIXA DOS SOCIOS/AS Os/as socios/as causarán baixa na asociación por algunha das seguintes causas: a) Renuncia voluntaria, comunicada a Xunta Directiva. b) No primeiro trimestre de cada ano a Xunta Directiva procederá a dar de baixa aos socios/as que teñan sen pagar a anualidade anterior, sen prexuicio de que podan actualizar a cuota e recuperar a condición de socio. c) As socios/as poderían ser sancionados, logo do acordo da Xunta Directiva, por conduta incorrecta, por desprestixiar a asociación cos seus actos ou verbas, por ter cometido faltas graves, por perturbar a boa administración e goberno da entidade, por facer calquera acto de pasividade. En tal caso, concederáselle un prazo prudencial de 48 horas ao socio/a para que dea por escrito as explicacións que crea convenientes.A Xunta Directiva decidirá sobre a procedencia da expulsión, sendo necesario sometelo a decisión da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal fin. d) Contra a decisión de baixa do/a socio/a, este/a poderá recorrer e poderá emprender o procedente recurso ante os tribunais competentes. e) A baixa definitiva como socio/a, calquera que sexa o motivo, levará aparellada a perda de tódolos dereitos da asociación e consideraráselle eliminado de cantas xestións se fagan en beneficio común ou particular. CAPITULO TERCEIRO “ADMINISTRACIÓN E GOBERNO” ARTIGO 12º.- OS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN A dirección, administración e xestión da asociación veciñal estará encomendada: a) Á Asemblea Xeral composta polos socios/as, como órgano supremo da asociación. b) Á Xunta Directiva. ARTIGO 13º.-DA XUNTA DIRECTIVA a) A Xunta Directiva estará composta por un/unha presidente/a, un/unha vicepresidente/a, un/unha secretario/a, un/unha tesoureiro/a e nove vogais. b) A Xunta Directiva será elixida en Asemblea Xeral Extraordinaria convocada cunha antelación de 15 días especificando o obxecto da mesma. A Xunta Directiva saínte fixará un calendario electoral que terá unha difusión entre todos os asociados e asociadas para a presentación de candidaturas. Resultará elixida aquela candidatura que teña máis votos. c) A duración do mandato da Xunta Directiva será de tres anos. Os cargos unipersoais poderán ser reelixidos para o cargo que desempeñan ou outro dos cargos unipersoais en dúas lexislaturas consecutivas como máximo. En mandatos consecutivos as candidaturas presentadas deberan ter unha renovación de alomenos o 25 % dos seus membros. d) Nos casos de ausencia, enfermidade, dimisión ou vacante o/a presidente/a será substituído polo/a vicepresidente/a e os outros cargos da Xunta Directiva por outros membros desta, logo do acordo por maioría simple da Xunta Directiva e os vogais polos vogais suplentes se os houber. e) A Xunta Directiva reunirase sempre que a convoque o seu presidente ou a pedimento de máis do 25% dos seus membros. Quedará constituída cando asistan a metade máis 1 dos seus membros e os seus acordos tomaranse por maioria simple dos asistentes. f) Os cargos da Xunta Directiva non serán remunerados. g) Os membros da Xunta Directiva non poderán ostentar ningún cargo político no municipio durante o período de mandato de dita Xunta. ARTIGO 14º.-DAS FUNCIÓNS DA XUNTA DIRECTIVA a) A plena representación legal da asociación, representada a súa vez polo presidente/a. b) Asesorarse do persoal axeitado para o mellor cumprimento das súas funcións. c) Resolver sobre a admisión de socios/as. d) Manter e coidar do cumprimento dos estatutos e das normas, regulamentos e disposicións que estean en vigor e dos acordos das asembleas. e) Organizar e dirixir os servizos da asociación. f) Formalizar os contratos necesarios para o bo funcionamento da asociación. g) Decidir dentro das súas atribucións, sobre queixas, reclamacións, suxestións, etc. que teñan sido formuladas contra ou polos socios/as. h) Sobre as solicitudes de baixas definitivas dos socios/as, conforme o disposto no apartado c) do artigo 11 dos presentes estatutos. i) Decidir sobre as baixas por impago de socios/as segundo o apartado b) do artigo 11. j) Propor a Asemblea Xeral, logo do seu estudo, a reforma dos estatutos se se xulga necesario. k) Convocar a Asemblea Xeral Ordinaria e tódalas extraordinarias que sexan necesarias. l) No caso de infracción dun membro da Xunta ou se son varios os infractores, poderán os restantes, de constituiren a metade máis un, convocar unha Asemblea Extraordinaria que resolverá sobre a dimisión ou destitución dos infractores. De igual maneira convocarase unha Asemblea Xeral Extraordinaria, a tal fin se o requiren cando menos o 10% dos socios/as. m) A Xunta Directiva contraerá a obriga de dar coñecemento da súa xestión a Asemblea Xeral. Deberá, a Xunta Directiva , en asuntos de importancia, dirixirse aos socios/as por medio de circulares, notificacións, informacións, cartas, avisos, etc. n) A Xunta Directiva queda facultada para resolver calquera cuestión non prevista nos estatutos, dando conta para a súa aprobación á primeira Asemblea que se celebre posteriormente. ARTIGO 15º.- FACULTADES DOS/AS DIRECTIVOS/AS DA XUNTA a) Do/a presidente/a: I Asumir a representación legal da asociación e executar os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, presidindo as sesións que celebre tanto unha como outra. II Presidir a Xunta e a Asemblea, dirixir as deliberacións, decidindo con voto de calidade en caso de empate. III Propor o plan de actividades da Asociación á Xunta Directiva, dirixindo e impulsando as súas tarefas. IV Ordenar os pagamentos acordados validamente. b) Do/a vicepresidente/a : Corresponderanlle as funcións que se teñan atribuído o/a presidente/a no caso de que pola súa ausencia o substituíra. En todo caso solicitado polo presidente/a, auxiliará a este nas súas funcións. c) Do/a secretario/a: Corresponderalle a custodia dos libros, documentos ou selos da asociación, realizar o inventario da asociación, levará ó día o rexistro de socios/as, anotando nas altas e baixas que se produzan dando conta delas ao tesoureiro. Redactar as actas das asembleas e das xuntanzas da Xunta Directiva, as que asinará canda o presidente/a. Librar as certificacións con referencia aos libros e documentos da asociación en xeral. d) Do/a tesoureiro/a: Será a súa función custodiar os fondos da asociación, efectuar cobros e pagamentos que o presidente lle ordenase e anotalos no correspondente libro de ingresos e gastos, asinar os documentos de tesourería e en xeral cantas funcións lle sexan atribuídas ao seu cargo. e) Dos/as vogais: Os vogais participarán das tarefas da asociación segundo as disponibilidades do momento e as necesidades da asociación para contribuir a un mellor funcionamento da mesma. ARTIGO 16º.- DA ASEMBLEA XERAL As asembleas xerais son o órgano de expresión da vontade dos/as socios/as e poden ser ordinarias ou extraordinarias. a) Asemblea Xeral Ordinaria : Xuntarase unha vez ao ano no 1º trimestre e será convocada por escrito pola Xunta Directiva con 15 días de antelación como mínimo, sinalándose a orde do día, lugar, data e hora da xunta, non podendo tratarse asuntos que non se contemplen na orde do día previamente establecido. A Asemblea Xeral constituirase en primeira convocatoria coa asistencia dun terzo dos socios/as con dereito a voto e en segunda convocatoria cos asistentes, os acordos tomaranse por maioría simple dos asistentes. As súas facultades serán: 1) Coñecemento de cantos asuntos se refiran a sociedade e votación dos que a asociación crea conveniente. 2) Aprobación das contas e do orzamento anual. 3) Achega de plans e proxectos para a realización dos fins da asociación. 4) Lectura da memoria anual prevista estatutariamente, dando conta a xunta da súa xestión e estado de contas. 5) Calquera outra facultade lexítima que pola asemblea decida atribuírse e que non sexa competencia da Asemblea Extraordinaria. 6) As proposicións recollidas no articulado dos estatutos. 7) As proposicións que a Xunta Directiva teña acordado incluír ou as presentadas polos/as socio/as, formuladas por escrito e asinadas polos presentes, entregadas na secretaria da asociación con dous días de antelación como mínimo a data da Asemblea. 8) As asembleas xerais iniciaranse coa lectura do acta da sesión anterior. 9) O remate das asembleas xerais establecerase unha quenda de rogos e preguntas que poderán ser formuladas polos/as socios/as da forma máis concreta posible. 10) A variación das cotas. b) A Asemblea Xeral Extraordinaria: A Asemblea Xeral Extraordinaria constituirase en primeira convocatoria coa asistencia dun terzo dos socios/as con dereito a voto e en segunda convocatoria cos asistentes. Reunirase por razóns de urxencia, cando o considere necesario a Xunta Directiva ou o solicite por escrito un número de socios/as non inferior 10%, debendo ser convocada cun mínimo de 48 horas de antelación mediante un aviso dirixido a tódolos/as socios/as. Adoptaran os seus acordos por maioría das 2/3 partes dos/as socios/as presentes. Serán as súas facultades ou funcións: 1) Nomeamento dos cargos directivos. 2) Disolución da sociedade. 3) Modificación ou alleamento de bens. 4) Exclusión de socios/as logo do informe da Xunta Directiva. 5) As proposicións recollidas no articulado dos estatutos. 6) A modificación de Estatutos. Cada socio/a ten dereito a emitir un só voto para cada cuestión que se someta a votación. Non será válido emitir voto en nome dun socio/a ausente. Os acordos adoptados conforme aos preceptos anteriores obrigarán a todos/as socios/as, incluídos os non asistentes. CAPITULO CUARTO “DOS RECURSOS DA ASOCIACIÓN ARTIGO 17º.- I A asociación carece de patrimonio ó constituírse. II Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento das actividades sociais serán os seguintes: a) Cotas periódicas dos socios/as. b) Os produtos dos bens e dereitos que lle correspondan así como as subvencións, legados e doazóns que podan recibir de xeito legal. c) Os ingresos que obteña a asociación mediante as actividades lícitas que acorde realizar a Xunta Directiva sempre dentro dos fins estatutarios. III A administración dos fondos da asociación levarase a cabo sometida a correspondente intervención e con publicidade suficiente, co fin de que os/as socios/as podan ter coñecemento periodicamente do destino dos fondos. IV Para alterar o importe das cotas ordinarias precisarase o acordo da Asemblea Xeral Ordinaria. V O capital social será da orde de 2.000 Euros aproximadamente. VI O peche do exercicio económico será o 31 de decembro do ano natural CAPITULO QUINTO “DA DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN” ARTIGO 18º.- I- A Asociación constituída só poderá disolverse por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria dos/as asociados/as, expresamente convocada para este fin. O dito acordo non terá validez se non é adoptado pola maioría absoluta dos presentes sempre que exista quórum. II- A disolución non se levará a cabo namentres un mínimo dun 25% dos/as socios/as estean decididos/as e dispostos/as a continuar coa vida da asociación e se comprometan por escrito a sostela economicamente, facéndose cargo das responsabilidades sociais. III- No caso de disolución da asociación actuará unha Comisión Liquidadora que a tal efecto terá que ser designada e procederá o alleamento dos bens sociais na forma que acorden, destinando o sobrante, se houber, ós fins que se teñan sinalado pola asemblea que serán sempre de tipo benéfico-social.
|